Opinión

Tauro

Picasso
photo_camera Picasso

ENTREVISTEI un arxentino, Daniel Bravo. Foi unha charla longa. O español é o idioma máis falado do planeta grazas aos arxentinos. Foi, tamén, un encontro amable. Co trote pesado dos anos comprendo os silencios do meu pai. Os seus cinco fillos opinando sobre a velocidade do touciño e el calado. Talvez valorando, talvez resignándose. Aristófanes escribiu no século V antes de Cristo sobre un pai que reprocha ao fillo que "soamente pense en montar a cabalo e perseguir rapazas". Tiñamos a boca ancha e a lingua sen bridas. Estes trinta anos de oficio afeitáronme a acidez. Entrevistei a María Dolores Pradera no Mogay de Chantada en 1994. Acuseina de malvender a canción suramericana. Ela chamou por Jaime Morey, o representante. Morey tiña os ollos máis azuis que cando cantou Amanece na Eurovisión en branco e negro de 1972. Cancelou a entrevista. Eu non volvería cometer un erro tan serio, pero boto en falta esa inconsciencia tan fresca.


O arxentino entrevistado, dicía, quedou encantado. Preguntoume polo horóscopo. "Leo", dixen. Daniel díxome o seu. Entendín que "Tauro". A única lei astral na que creo é a lei da gravidade. 


De camiño ao xornal pensei na pequena alegría que nos deu Urtasun ao eliminar o premio Nacional de Tauromaquia. Falta moito para erradicar esa crueldade. Sorprendeume a reacción da dereita, sirva a redundancia. Presentan os touros como cultura porque Picasso os pintaba. Picasso tamén pintou a Olga Khokhlova en 140 cadros mentres lle aplicaba o seu sadismo. Máis curioso é que Almeida cite a Lorca para defender o sacrificio de reses como deleite. O alcalde de Madrid cancelou a Miguel Hernández do rueiro para repoñer a Millán Astray, o astado coruñés que pedía a morte da intelixencia e a vida da morte nun bonito oxímoro