Opinión

As cores da calma

Na sala de exposicións da Casa Museo María Pita, na Coruña, recibiume unha sombra xunto a unha ventá azul. Minutos despois, a silueta falou, xa convertida en persoa e comezamos a conversar. Era, por suposto, a autora da fotografía que dá a benvida á exposición Vívidos, dispoñible ata o día 20 de maio.
'As mulleres que miran'. MARÍA MORADO
photo_camera 'As mulleres que miran'. MARÍA MORADO
María Morado naceu en 1996 e circunscríbese en Lugo, só unhas rúas máis aló do barrio no que medrei. Pertencemos á mesma xeración e orbitamos sempre na mesma galaxia, pero a vida tivo a ben non cruzarnos nunca. Coñécemonos, no amplo sentido da palabra, hai máis dunha década. Sabíamonos, mellor dito. Na festa posterior á gala dos premios Mestre Mateo saudámonos espontáneos e sementei a entrevista que agora recollo. Se o destino non quixo cruzarnos, é momento de tronzar a súa vontade.

Entre as paredes de pedra daquela sala na cidade vella da Coruña atopei unha rapaza miúda, de cabelo louro e amplo rostro, sorriso permanente e ollos desexosos de preguntas. Vestía unha chaqueta de coiro negro e roupa de punto viva, colorida. Ás costas, a súa cámara dixital. Quizais sen desexalo, a súa imaxe avanza gran parte de quen ela é. No libro de firmas a carón da porta hai rúbricas en varios idiomas, incluso en escritura xaponesa, que dan conta das visitas. "Poucos rostros. Moita identidade", deixei xunto á firma.

A continuación da sombra inaugural, a sala tórnase azul con instantáneas de ceo, mar, auga e un vento visible. Pequenas motas de color vermello ou amarello rompen un equilibrio na composición que non resulta artificial. Son as liñas que nos rodean na vida cotiá. Hai unha esencia en todas elas, no percorrido en forma de U que dá a vista, que transmite tranquilidade e proximidade, como se xa vises aquelas imaxes pero nunca repararas certamente nelas. É unha oda á calma e ás persoas que habitan o espazo. "Cando encadro unha posible fotografía o primeiro que chama a miña atención son as cores, despois busco as liñas. Son os dous elementos principais do meu estilo. Así é como atopo o equilibrio que quero transmitir", responde Morado cun sorriso ao ser preguntada polo por que destas imaxes, da súa estética.

Para Morado, a fotografía e tanto unha fin como un método, é o seu xeito de descifrar o mundo pero tamén de traballar con el. Comezou a súa obra explorándose a si mesma e a súa imaxe con innumerables autorretratos, os cales chegou a intervir para convertilos en collages. A progresión na súa carreira, como explica, fai que agora ela non importe e só queden a súa sombra e o seu ollar. O resultado son 13 imaxes penduradas, dun total de 22 que conforman Vívidos, escollidas entre máis de 400 fotografías tomadas ao longo dos anos. "Dóeme deixar fóra instantáneas de Viveiro, un lugar moi especial para min", afirmou con certo pesar e en ton baixo entre fotos de Lugo, A Coruña e Portugal; ao tempo que desexou poder expoñer en Viveiro. Aspira tamén facelo na súa cidade natal.

María confesouse como unha rapaza tímida, que non goza coa exposición pública, e iso tamén se transmite na súa obra. Recibiu con satisfacción a boa acollida da súa mostra, unha satisfacción confesa similar á de pendurar a última imaxe para o seu debut, porque o seu traballo vive habitualmente en internet e, nese lugar, nunca coñeces de verdade o seu alcance. A súa preocupación quedou erradicada ao ver rostros máis aló de familia e amigos. Dentro do botón de Gústame nas redes sociais hai un amplo espectro indescifrable de posibilidades e, no seu caso, semella que non se trata só dun acto que fan os seus seguidores: conta con apoio, interesados e curiosos sobre a súa obra.

María Morado di que se atopa cómoda tomando como referencia hoxe en día a Vivian Maier e que nos seus inicios esa figura foi a de Saul Leiter. Non comparten apelidos porque María foi a primeira da súa estirpe en explorar este camiño, que agora percorre tamén o seu irmán maior. "Quizais poderíase pensar que o meu avó, pero para nada. El traballaba como publicista nunha revista e contactaba con misses, raíñas da beleza", afirma entre risas.

—E se na casa non había tradición, como chegou á fotografía?

—Verás, gañei un concurso de fotografía que convocou El Progreso e recibín unha cámara. Curiosamente, anos despois traballei para o xornal como fotógrafa. No medio, estudei na Escola Ramón Falcón e participei nalgún taller aberto. Decidín mudarme ata A Coruña e sei que estarei toda a vida detras da lente, sacando fotos —resolve Morado sobre os seus inicios, abrindo os ollos e alzando as cellas para enfatizar nas casualidades da vida—.

Os protagonistas de María Morado carecen de rostro, oriéntanse e indican cara a onde camiñan, agardan pola vida e camiñan sen rumbo; todo nun espazo carente de contexto. En esencia, o individuo é unha illa á deriva reclamando á súa contorna algo que aínda descoñece. "Eles están estáticos, eu… Eu en movemento", afirma a fotógrafa coa voz e a cabeza simultáneamente, consciente da ironía de procurar a calma sen deterse.

Na porta da sala, en dirección á saída, caín en apelar á rapaza detrás da artista. Preguntei se alguén se queixara de ser modelo improvisado. "De momento, aínda non". Entre as rúas que compartimos e nas distancias actuais dos nosos barrios coruñeses, María Morado camiña lixeira e calada procurando as cores e as liñas que definen a calma no seu ollar. Permanece atenta e preparada para cando chegue a primeira queixa responder convencida: "Desculpe, pero eu son fotógrafa".

Comentarios