Opinión

Os homes do Norte

Normandos de Levi Roach non está dedicada a eses primeiros viquingos, que aterrorizaron Europa, senón que reserva a palabra normando para designar exclusivamente aos descendentes dos homes que acompañaban a Hrólfr Rögnvaldsson, máis coñecido por Rollo o Camiñante e que, xunto con el, se asentaron e fundaron un ducado no noroeste de Francia.
Vikingos /AEP
photo_camera Vikingos /AEP

OS GRUPOS  viquingos pagáns que chegaron á actual Normandía xurdiría un pobo cristián e francófono: os normandos. Foron estes novos normandos, froito da mestizaxe cos nativos, os que, segundo o autor, haberían de derrubar e reedificar os cementos da cultura europea. Levi Roach, profesor titular de Historia Medieval da universidade de Exeter, é o autor do libro Normandos. Los vikingos que crearon Europa, editado en castelán por Crítica (Editorial Planeta) en 2023; sendo seu título orixinal Empires of the Normans. Makers of Europe, Conquerors of Asia.

"A furore normannorum libera us, nomine". Da furia dos homes do Norte libéranos, señor. Con estas palabras rezaban os monxes saxóns para conxurar a presencia dos viquingos, normandos, varegos, lordemanos ou daneses, que de todas estas formas se lles chamaban aos pobos do Norte que asolaron Europa durante a época altomedieval. Cando, máis dun século despois, en 1066, os saxóns de Haroldo se enfrontaron en Hastings á cabalería pesada do duque Guillerme II de Normandía, o descendente de Rollo que se presentaba a disputarlle o trono, xa non tiñan en fronte a aqueles bárbaros nórdicos, senón a un exército civilizado, cristián e que cultivaba o espírito cabaleiresco. Xa o predecesor de Haroldo, Eduardo o Confesor, era medio normando e fora criado na corte de Ruán.

En pouco tempo os normandos faríanse co poder e coas terras de Inglaterra, tal e como nos mostra o Domesday Book, ese minucioso rexistro encargado por Guillerme o Conquistador; e deixarían as illas británicas cheas de castelos, o símbolo do novo poder. A nova sociedade sería froito desa mestizaxe e, ata a batalla de Bouvines (1214), non se romperían por completo os lazos co continente. Aínda hoxe en día, o escudo de Gran Bretaña ten a súa lenda escrita no francés que falaban os conquistadores. Tamén se farían amos das Marcas e entroncarían coas grandes familias galesas e escocesas, ata o punto de converter a corte de Edimburgo en xenuinamente normanda. Familias como os Bruce, que haberían de reinar en Escocia, eran tamén desa orixe.

Curiosamente, Geoffrey de Monmouth, o creador da materia de Bretaña era medio normando, e seguramente non podía ser doutro xeito para conseguir mesturar os mitos galeses co espírito dos cabaleiros normandos. Estes últimos horrorizábanse ante as costumes de escoceses e galeses de sacrificar aos prisioneiros. Para un normando "a ferocidade estaba moi ben no fragor da batalla, pero debíase deixar de lado unha vez rematada a refrega". Nese momento debería imperar a misericordia.

Con respecto a Irlanda, o autor remarca que "os asentamentos normandos adoitaban concibirse como parte dunha misión civilizadora", facendo fincapé no seu papel de reformadores eclesiásticos. Pero o influxo normando non se reduce ás illas británicas. O autor sostén que Guillerme o Conquistador viuse esporeado polas fazañas dos fillos de Tancredo de Hauteville, especialmente Guillerme Brazo de Ferro e Roberto Guiscardo quen, de simple mercenario, foi capaz de conquistar Apulia, Calabria, e finalmente arrebatar Sicilia aos musulmáns. Para o futuro Conquistador era "vergoñento verse superado en forza e valor por un home de liñaxe inferior", en referencia a Roberto.

Os normandos atopáronse cun mundo político fragmentado, no que era doado facer incursións, pero máis difícil conseguir conquistas duradeiras. Isto non foi impedimento para que estes ousados soldados de fortuna, orgullosos da súa ascendencia nórdica non arriscasen por conseguir terras e señoríos.

A alianza co papado foi fundamental para a conquista de Inglaterra, e tamén o habería de ser no sur de Italia. Foi tamén esta alianza a que os levou a acudir á chamada de Urbano II. Bohemundo de Tarento, fillo desherdado de Roberto Guiscardo, habería de ser un dos principais cabaleiros da Primeira Cruzada, converténdose no fundador do Principado de Antioquía, no que os seus descendentes gobernarían durante case dous séculos.

Desde Sicilia, Roger, o irmán de Roberto, aínda habería de tomar e manter Mahdia, na actual Tunisia, durante un breve período de tempo.

En Oriente os normandos, que eran coñecidos como francos, participaron como mercenarios nas guerras do Imperio Romano de Oriente, mostrando un carácter levantisco e un oportunismo propio de quen quere triunfar por se mesmo; como Roussel de Bailleul, que intentou crear un estado normando nos confíns orientais do imperio. Tamén destaca o autor a pouco coñecida, pero decisiva, contribución dun continxente de peregrinos anglonormandos, recrutados por Afonso I Henriques, á conquista de Lisboa. Membros desa mesma expedición participarían tamén, xunto a Ramón Berenguer IV, na reconquista de Tortosa.Remata a obra co emperador do Sacro Imperio, Federico II, un Hauteville por parte de nai, que pasaría á historia como alemán, pero que toda a súa vida exercería como normando siciliano.

Como sinala Levi Roach no capítulo final: "O reinado de Federico I marca a fin da construción do imperio normando. Os normandos transformaran a política e a sociedade en Francia, Italia, as Illas Británicas, Oriente Medio, a península ibérica e (cada vez máis) Alemaña. Non había practicamente ningunha rexión de Europa e do Mediterráneo na que non se puideran atopar aos descendentes de Rollo, e mesmo alí onde non estaban presentes, aínda se podía atopar o seu legado".

Comentarios