Entrevista con Olga López Racamonde, concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores do Concello de Lugo

“Traballamos para que calquera neno de Lugo poida chegar a onde queira á marxe do nivel socioeconómico da súa familia”

OLGA LÓPEZ RACAMONDE, concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores do Concello de Lugo

A concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores do Concello de Lugo asegura que a pandemia fixo aínda máis evidente a necesidade de apoiar as familias vulnerables para evitar a exclusión social. Neste eido, a atención á poboación infantil é fundamental para o goberno que dirixe a alcaldesa Lara Méndez. Desde o departamento que dirixe Olga López traballan para ofrecerlles aos mozos un entorno familiar e afectivo axeitado para o seu desenvolvemento educativo e social.

Benestar social. Son só dúas palabras, pero teñen detrás un traballo infinito.

Si que é moito. Traballamos con nenos, con adultos, con maiores, con familias ao completo, e de distintas maneiras. Por un lado está a actuación directa a través de traballadores sociais, educadores e animadores socioculturais, e por outro temos programas propios de apoio e colaboramos tamén con entidades que traballan neste mesmo campo.

Traballades con moitos nenos?

No programa de Apoio e Atención Familiar traballamos cunhas 400 familias a través dos distintos centros de convivencia de Lugo. Están caracterizadas pola vulnerabilidade no eido social, económico, familias desestruturadas e con insuficiencia de recursos. Unha gran porcentaxe son monoparentais. Nesta vulnerabilidade das familias, os nenos e nenas son o eslabón aínda máis débil.

E como traballan con elas?

Desde diversos ámbitos. É un traballo de intervención en grupo, tanto cos nenos coma cos adultos, para que adquiran habilidades básicas, para solventar as carencias que presenten, para facilitar a conciliación. As actuacións van desde aprender a facer a compra, organizar a casa, distribuír o soldo, hábitos de hixiene, coidado do contorno afectivo dos nenos, da nutrición. Ás veces o problema está no descoñecemento do idioma, nas dificultades de relación social...

Para o noso goberno, a equidade educativa é clave para garantir o futuro dos nosos nenos

O que antes lle dicía, un traballo infinito.

Si, hai que dar apoio en moitos ámbitos. Os servizos sociais son os grandes descoñecidos. Por exemplo, cando se fala do servizo de axuda no fogar sempre se pensa nos maiores, pero tamén podería cubrir os menores. De feito, durante a pandemia recibimos solicitudes de axuda neste sentido porque os nenos estaban na casa e había xente que tiña que traballar fóra e non podía conciliar. O mesmo aconteceu co programa de Xantar. No tempo no que non houbo servizo de comedor escolar tamén o ofertamos a familias vulnerables.

E teñen programas específicos para nenos?

Si, centrados en paliar aqueles factores de maior risco e exclusión que lles poden afectar. Neste senso, temos en marcha, por exemplo, programas para evitar o atraso escolar. Por un lado, o proxecto Aprendemos Xuntos, no que participan 20 rapaces de entre 10 e 17 anos. Acoden ao centro da Milagrosa dúas veces por semana, en sesións de hora e media, para recibir apoio escolar. A raíz da pandemia detectamos a necesidade de ofrecer apoio on line e, en colaboración con Cruz Vermella, puxemos en marcha o programa Acompañámoste, no que participan 25 menores de 6 a 16 anos. Como complemento, nos centros de convivencia Maruja Mallo e Leiras Pulpeiro tamén se ofrecen sesións presenciais de apoio escolar, ás que asisten 21 rapaces.

Moito traballo e todo na mesma liña.

Para o noso goberno, a equidade educativa é clave para garantir o futuro dos nosos nenos, porque deben ter a oportunidade de elixir que camiño seguir á marxe da situación socioeconómica da súa familia. Por iso, traballamos co obxectivo de compensar as desigualdades educativas que afectan ás familias con maiores dificultades e que se agravaron coa actual crise sanitaria. Como nas circunstancias actuais non podiamos manter a programación de animación que tiñamos, rediriximos os recursos a poñer a disposición dos rapaces profesores e pedagogos de apoio. Contactamos con todos os centros educativos e anpas para coñecer as necesidades e atendemos todas as demandas que se nos presentaron.

Foron moitas?

Si, pero chama a atención que algún colexio non comunicou ningunha necesidade, aínda que me parece raro que non a haxa. Se queda fóra algún caso é porque non o coñecemos.

Que dúas nenas xitanas se gradúen en Dereito parece que non é nada, pero ten detrás un traballo impresionante no ámbito dun colectivo vulnerable

Colaboran tamén en moitas iniciativas de asociacións.

As asociacións chegan máis aló dos que nós podemos, están integradas no tecido social e contan coa confianza dalgúns grupos de poboación aos que desde o Concello é difícil chegar. Por iso é fundamental o seu labor. Por exemplo, colaboramos coa asociación Juan Soñador nun programa de desenvolvemento de competencias dirixido a nenos, adolescentes e familias, complemento do noso Aprendemos Xuntos. Tamén coa Fundación de Atención Xitana, para prestar apoio escolar especializado aos nenos deste colectivo.

Un logro en calquera destes ámbitos dá folgos, non si?

Nin te imaxinas cantos. Ás veces os números teñen moita máis trascendencia do que parece. Que dúas nenas xitanas se gradúen en Dereito parece que non é nada, pero ten detrás un traballo impresionante no ámbito dun colectivo vulnerable e unha grande repercusión porque esas rapazas son agora un referente para o resto.

Obxectivo cumplido.

Todo vai orientado a iso, a conseguir a igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas, que todos teñan posibilidade de acceder, de chegar a onde queiran.

Tamén interveñen no ámbito educativo.

Subvencionamos varios proxectos que van dirixidos á sensibilización ambiental e o desenvolvemento sostible. Por exemplo, un proxecto da asociación Vicente Ferrer para presentar nos colexios os obxectivos de desenvolvemento sostible. Tamén outro para sensibilizar sobre os retos ambientais e económicos da Axenda 2030. Está ademais o Taller de Solidariedade, que inclúe unha plataforma virtual na que profesores e alumnos dispoñen de ferramentas para traballar.

E que proxectos de futuro hai?

O máis novidoso é o centro interxeracional, que botará a andar entre o verán e o outono. Nel convivirán nenos e maiores e a intención é facer actividades todos xuntos.

Este ano as actividades estiveron moi condicionadas pola pandemia. Que previsión hai nese sentido?

Nós estamos deseñando unha programación de actividades e tamén unha alternativa para o caso de que non se puideran levar a cabo polas restricións derivadas da pandemia. Teño a esperanza de que as vacinas nos sitúen nun escenario mellor que o actual, pero non o sei. Eu penso que imos poder retomar as actividades con medidas restritivas, pero iso non se pode predicir. O único que sei con seguridade é que non imos correr ningún risco innecesario, o primeiro é o benestar das persoas.

Más en El Rincón de Padres